Ir Arriba

As Fragas do Eume

Conta a lenda que na extensa e poderosa serra do Xistral naceron tres ríos irmáns, que discorrían por distintas abas e competían para chegaren ao mar. Acordaron descansar no camiño, un pacto que soamente o río Eume cumpriu e, cando se viu traizoado polos seus irmáns que non respectaron o descanso, acelerou a marcha e labrou os fermosos desfiladeiros que se contemplan nas súas fragas, declaradas parque natural en 1996. Con 9125 hectáreas de superficie, está considerado o mellor bosque atlántico costeiro desta fachada europea e, sen dúbida, un dos seus principais atractivos turísticos. Nel  habitan especies de gran singularidade que lle valeron fama botánica internacional. Este ecosistema constitúe o exemplo vivo máis representativo do que foron os bosques e a paisaxe que en tempos pasados poboaban a maior parte do litoral galego.

As fragas do Eume son unha galería natural de excepcional valor, na que hai presenza das máis fermosas e variadas especies da flora e da fauna. Entre as árbores, ademais de carballos, atopamos amieiros, freixos, olmos, salgueiros, castiñeiros, loureiros, algún que outro pradairo, e ata brilantes acivros.
Entre os arbustos destacan especies como a pereira e a maceira silvestre, o espiño albar e o érbedo, propio de climas máis cálidos. Á súa sombra viven outras especies de menor tamaño, como as arandeiras, os ruscos, os breixos, as saxifragas, as violetas, os anemones e as lianas. Pero sen dúbida, é a presenza de abundantes fentos, de gran diversidade e rareza nalgunhas especies, unha das características máis persoais destas fragas.

Máis de 170 especies diferentes conforman a fauna deste parque. Entre as aves atopamos o azor e o gabián, ou rapaces nocturnas como a avelaiona, o bufo pequeno e o gran bufo real. O grupo dos mamíferos conta con excelentes poboacións de xabarís, corzos, cervos, lontras, rabisacos, martas e, nas zonas máis agrestes e solitarias do parque, tamén habitan os lobos. Entre os anfibios, xogan píntegas rabilongas, sapos e tritóns ibéricos. Os reos, unha variedade de troita migradora, son moi abundantes no tramo final do Eume e un atractivo para milleiros de pescadores que cada ano se dan cita augas arriba.

O tramo de río que vai dende o encoro do Eume, entre A Capela e Monfero, ata a desembocadura entre Pontedeume e Cabanas, ofrece paisaxes de gran beleza nas que o río discorre polo fondo dun profundo val. Augas arriba, dominan as paisaxes abertas de media montaña, nas que abundan as zonas de matogueiras.

A serra do Forgoselo é outro espazo natural de especial interese nesta comarca, no que se combinan zonas de bosque denso con outras de escasa vexetación. No cumio de Racamonde atopamos un miradoiro sobre a ría e as montañas próximas.

Pero máis aló do patrimonio natural, o paraíso do Eume tamén fai alarde de magníficas mostras de arquitectura civil e relixiosa: mosteiros, castelos e pazos descobren un rico pasado histórico destas ancestrais terras, que na idade media foron un dos centros políticos de Galicia.

A comarca tamén conta cun importante patrimonio prehistórico, entre o que destacan os enterramentos megalíticos na cunca de As Pontes e na Serra de Forgoselo.