Ir Arriba

Festa da Fraga

 

A Festa da Fraga celébrase dende o ano 1904, é unha festa popular. O seu inicio dise que ven de celebrar despois das festas patronais, o patrón pequeno; pois ben, ao rematar as festas patronais do Carme de 1904 organizouse por primeira vez, o 25 de xullo, día de Santiago, a primeira festa da Fraga. Nos seus comezos situouse nunha pequena illa do Eume, no lugar da Balsa, onde a xente organizaba as súas merendas, e xogos; máis tarde, a mediados do século pasado, a festa trasládase á Fraga de dona Rita (chamada así polo nome da propietaria naquel momento deste espazo que hoxe e propiedade do Concello) ao lado do río. Neste lugar é onde se segue celebrando actualmente, ainda que agora xa integrada como zona verde na zona urbana do Concello.

Ao longo do tempo na festa da Fraga fóronse introducindo novidades: máis días de romaxe, acompañamento musical de orquestras, grupos de música e baile tradicional e como, non maior presenza e influencia da xuventude nas actividades que se fan en torno á tradicional romaxe.

Neste senso xorden novas iniciativas como a de posta en marcha no ano 1998 do Festival Folk dá Fraga que se celebra o 24 de xullo e que dende entón atrae a veciños e forasteiros arredor dos mellores grupos, bandas internacionais e nacionais. Esta e outras actividades intentan unir os intereses da poboación coa tradición da romaxe.

No 2004 cumpríronse 100 anos da celebración desta Romaxe que alcanzou co paso dos anos unha importancia fundamental no conxunto das festas de As Pontes e de Galicia. Está considerada Festa de Interese Turístico Galego.

O aumento de romeiros, cun importante número de mozos que se reúnen nesta festa propiciou o aumento significativo de actividades, cunha maior presenza de actuacións de música e baile, a recuperación dos concursos de cabanas, organización de xogos populares, e a consolidación do festival folk, que atraen ao recinto da fraga aos veciños das Pontes e moitos forasteiros que se achegan ao noso pobo por estas datas.