Ir Arriba

Museo Etnográfico Monte Caxado

 

No curso 85/86, á proposta do mestre José Mª López Ferro, acórdase no Claustro deste Colexio crear un Museo Etnográfico como un proxecto pedagóxico máis. O motivo estaba claro pois, ó chegar a industrialización á vila, descenden os traballos artesanais, agrícolas e gandeiros. Quedan máis ben nos arredores, sendo os maiores os que seguen coas súas tradicións e, ó seren poucos, moitos destes traballos desaparecerán.

Márcanse uns obxectivos pedagóxicos para os nenos:

  • Que coñezan os útiles, apeiros, ferramentas, etc.., dos oficios, da labranza, da casa… empregados polos nosos devanceiros e que os identifiquen polo seu nome.
  • Ampliación do vocabulario.
  • Valoración da riqueza artesanal dos mesmos, é dicir, que se decaten que, a maioría, foron feitos pola mesma persoa que os precisaba, imprimíndolle-la súa personalidade.
  • Que tiveran máis contacto coa realidade do agro.
  • Que valoren a riqueza cultural galega en tódalas súas manifestacións.
  • Conquerir que o Museo fose o lugar de consulta para traballos ou estudios de carácter etnográfico.

Primeiramente mandáronse cartas ós pais dos alumnos pedindo a súa colaboración no tocante ás doazóns das pezas. Os pais colleron con agrado isto e comezan a chegar as pezas ó Centro.

O día 11 de maio de 1987 ten lugar a inauguración oficial do Museo, para o que foron invitados tódolos organismos oficiais da vila, empresas, e especialmente, os socios do Fogar do Xubilado. Coa presencia do Sr. Alcalde, por aquel entón D. Xaime Vilaboy, e o cronista oficial de As Pontes D. Enrique Rivera Rouco, encargado da cerimonia, quedou inaugurado o Museo, que naqueles intres contaba con 250 pezas.

Seguindo a súa andadura, o Museo é visitado por outros Centros e xentes doutras localidades e mesmo da nosa, estranxeiros coma os franceses de Lesneven que están irmanados coa nosa vila.

No curso 86/87 particípase nun concurso escolar sobre “Apeiros de labranza”, convocado polo Museo Provincial de Pontevedra “García Alén”, obtendo o primeiro premio os alumnos de 8º de E.X.B. Colaborouse tamén na revista das festas do Carme. Foron expostas, temporalmente, pezas do Museo fora do Colexio, etc..

Dende o curso 96/97 o Concello xunto coa APA do centro, asina un convenio que contempla a apertura ó público en xeral durante as fins de semana e festividades de carácter local (Feira do Grelo, Feira de fungos e cogumelos, …). No devandito convenio estipúlase a contratación dunha persoa que fai de guía nos horarios establecidos.

A disposición dos visitantes está o “libro de sinaturas” onde se recollen opinións e sinaturas sobre todo o exposto.

Proceso de reparación das pezas:

Unha vez as pezas chegan ó Centro, o proceso a seguir é o seguinte:

  • Identificación e catalogación da mesma.
  • Inventariado co nome da peza, nome do doante e lugar de procedencia.
  • Limpeza da mesma.
  • Restauración, só se o precisa.
  • Vernizado e adecentamento.
  • Colocación da peza no lugar correspondente.
  • Carteliño identificativo co nome, doante, lugar e utilidade

Horario de visitas ao Museo: Venres e Sábados de 17:00 a 19:00 – Domingos de 11:00 a 13:00

[+] Web CPI Monte Caxado